(Rex. 4498)
A última aventura de Indiana Jones (Harrison Ford) empeza no deserto do sueste de Estados Unidos en 1957, en plena Guerra Fría. Indy e o seu amigo Mac (Ray Winstone) acaban de escapar polos pelos das poutas duns infames axentes soviéticos nun remoto aeroporto. O profesor Jones regresa á casa e decátase de que as cousas van de mal en peor. O seu mellor amigo, o decano da Universidade (Jim Broadbent), dille que moitos sospeitan das últimas actuacións de Indy e que o goberno preme á Universidade para que o despidan. Indiana, a punto de irse, coñece un mozo rebelde chamado Mutt (Shia LaBeouf), que lle propón un trato. Se o arqueólogo o axuda a resolver un problema persoal, podería facer un dos descubrimentos máis espectaculares da historia; trátase da Caveira de Cristal de Akator, un obxecto lendario que esperta a fascinación, a superstición e o medo. Indy e Mutt viaxan ao canto máis perdido de Perú, terra de antigas tumbas, exploradores esquecidos e rumores dunha cidade de ouro. Pero non tardan en descubrir que non están sós; os axentes soviéticos tamén queren apoderarse da Caveira de Cristal. Os membros dunha unidade militar de elite, dirixidos pola fría, calculadora e letalmente bela Irina Spalko (Cate Blanchett), queren apoderarse da Caveira, convencidos de que axudará aos soviéticos a dominar o mundo... se conseguen descifrar o seu segredo. Indy e Mutt deberán despistar os desapiadados soviéticos, seguir a pista dun misterio insondable, sortear inimigos e amigos dubidosos e, sobre todo, impedir que a Caveira de Cristal caia nas mans equivocadas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario